viernes, 9 de mayo de 2014

MAIO: LETRAS GALEGAS

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega da nosa escola está a preparar as actividades que desenvolveremos para conmemorar o Dia das Letras Galegas.

Como ben sabedes, este ano o autor homenaxeado é Xosé María Díaz Castro, nado en Guitiríz no ano 1914.



Para comezar a coñecer a vida do autor contaremos cos seguintes recursos:
  • Libro - DVD sobre a vida e obra de Díaz Castro. Consultáo AQUÍ en pdf.                                 Máis info neste enlace.
O coñecemento da vida e obra do autor axudaranos a desenvolver actividades para decorar o mural colaborativo que adornará a entrada da escola.

Entre todas as clases debuxaremos un gran mural en forma de rosco de Pasapalabra onde atoparemos preguntas e respostas relacionadas co autor traballadas previamente polo alumando do centro nas aulas, en colaboración coas titoras e titores da escola.

Cova alumada, Esmeralda, Do novo ceo, Nimbos, O verme e a estrela ou Penélope son poemas de Díaz Castro que completarán o mural.

Nenas e nenos de Infantil tamén terán o seu importante papel: colorearán con técnica libre o retrato de Díaz Castro que se colocará no centro do mural.

Para rematar...

"Concursaremos" en Pasapalabra! 

A través de xogos interactivos, por ciclos formaremos grupos que tratarán de dar resposta ás preguntas relacionadas coa vida e a obra de Díaz Castro que aparecerán no rosco de Pasapalabra.

lunes, 24 de marzo de 2014

MARZO: Tempo de mulleres e música.

O día 8 de Marzo celébrase o día da muller. 

MURAL COLABORATIVO: TEMPO DE MULLERES 

No CEIP Ponte do Porto non nos esquecemos da importancia deste día como un xeito de apostar pola coeducación e a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Como estamos a celebrar este día?

Un reloxo xigante acompañará a entrada da escola e levará por título: "Marzo: tempo de mulleres".
Cada hora representará a vida dunha muller destacada en diferentes disciplinas. Tantas mulleres como horas teñen os reloxos que marcan o compás da nosa vida.

Así coñeceremos a vida de:

Jennifer Batten: guitarrista.
Monserrat Caballé: cantante de ópera.
Isabel Coixet: directora de cine
Marie Curie: quiímica e física
Clara Campoamor: política
María Pita: heroína
Rosalía de Castro: escritora
Valentina Vladiminovma: astronauta
Coco Chanel: deseñadora
Rosalía Mera: empresaria
Elizabeth Blackwell: doutora
Margarita Salas: científica
Ana Peleteiro: atleta
Frida Khalo: pintora

A vida das mulleres será traballado nas aulas a través do emprego das TIC. Buscaremos información relacionada coa súa vida e o traballo que desenvolveron na época que lles toca, ou tocou vivir. As máis pequenas contribuirán co mural elaborando as letras e as horas que o complementan.

Aquí tedes algunha imaxe do traballo realizado.





CHARLA CON MULLERES TRABALLADORAS DO MAR

A mellor forma de coñecer o traballo ligado ao mar que desenvolven as mulleres da nosa comarca e, deste xeito, poñelo en valor, é escoitándoas a elas mesmas.

Así que... Despois dunha proposta por parte da escola, contaremos coa presenza de Chus, que é mariscadora, Vanesa, que desenvolve o seu traballo como percebeira e Cristina, a fareira do Faro Vilán.

Acompañará a charla a lectura do libro editado polo CEIP de Corme: "Maruxa a Mariñeira."

E aquí tedes algunha foto da sesión!

 




MULLERES E MÚSICA

Dende a área de música tamén se traballa a vida de diferentes mulleres adicadas á música ao longo dos últimos anos.

AQUÍ  podes atopar o vídeo.

viernes, 21 de febrero de 2014

FEBREIRO: Entroido!

Chega o tempo de entroido e na escola festexámolo!















Para comezar, as nenas e nenos de Infantil e 1º curso, animaron o corredor.


E seguimos con máis actividades nesta semana!


  • Durante a semana...



Teremos un convidado especial... O Meco! 

Encargarase de ir dando consellos a nenos, nenas e profesorado da escola sobre o que poden ir vestindo cada día. Iremos acumulando todo o que vaia aconsellando coa finalidade de que cheguemos o venres co disfrace completo.

O Meco fíxonos un adianto dos consellos que dará. Aquí os tedes!

LUNS: "Aínda que de tolos che pareza, trae algo na cabeza."

MARTES: "Se no pozo non queres caer, algo no pescozo deberás traer."

MÉRCORES: "Se a cara queres cubrir, con pencas, gafas, bigote... Debes vir!"

XOVES: " O xoves vés con algo nos pés."

VENRES: " O venres, sabes que? Algo no corpo tes que traer e todo o anterior debes poñer."

  • O venres...

Por unha banda... Contaremos co xa tradicional concurso gastronómico de postres de entroido. As familias colaborarán elaborando deliciosos postres que logo degustaremos cunha cunca de chocolate.

Mirade o resultado...





E pola outra... Desfilaremos no patio da escola amosando os marabillosos e creativos disfraces que elaboramos seguindo os mandatos do Meco e animaremos a festa coas comparsas que nenos e nenas crearon ao longo das últimas semanas.



Aquí podes desfrutar dalgunha das letras.




Achégate o venres 28 á escola, de 10:30 a 11:30, 

e desfruta do entroido con nós!!




lunes, 27 de enero de 2014

XANEIRO: Reflexionamos sobre a Paz

O vindeiro 30 de Xaneiro conmemórase o Día da Paz e dende a escola temos preparadas varias actividades. Esperemos que as desfrutedes!

UN POUCO DE MÚSICA...

Luís, o mestre de música, preparounos cancións que falan da Paz de grupos, autoras e autores como Mecano, The Cranberries, Amistades Peligrosas ou Mercedes Sosa.

Animarannos as entradas e saídas da escola! 
Se queres escoitar as cancións ou ler as letras, consulta o BLOG DE MÚSICA.

PICASSO...

Seguro que viches, e pode que ata teñas debuxado miles de veces a pomba da Paz. 
Sabías que foi gracias a Pablo Ruiz Picasso que se estendeu o seu uso como símbolo da Paz e a non violencia?






Este pintor malagueño, que naceu en 1881, é un dos máis famosos artistas da arte contemporánea e a súa vida estivo moi marcada pola Guerra Civil Española e o bombardeo de Guernica. Un dos cadros máis importantes de Picasso é precisamente O Guernica que se atopa no Museo Nacional Reina Sofía.





Xunto co Guernica outros cadros, pósters, debuxos ou litografías de Picasso serán as protagonistas do noso traballo durante toda unha semana. Será creación de toda a escola o mural colaborativo sobre a obra de Picasso.

Algunhas destas obras son A Pomba, A Paz non quere o malo, Neno con Pomb, Guerra e Paz, O rostro da Paz, Peace on the Earth, Home pola Paz, Paz e Liberdade, O Guernica ou Peace for all nations.


Aquí podes ver algunha das obras de Picasso...




Así é como nenas e nenos da escola interpretaron a arte de Picasso engadindo ideas que para elas axudan a vivir en Paz e nun clima de non violencia.





XOGOS COOPERATIVOS E LECTURA DE POEMAS...

Para rematar a semana e celebrar o día 30 de xaneiro, reflexionaremos sobre a Paz e a non violencia poñendo en práctica xogos cooperativos. Leremos unha serie de poemas alusivos.

Deixámosvos este de Antonio García Teijeiro...


 Bicos como balas;
balas de cartón;

balas como bicos;          

bicos de algodón.

Son balas de bicos.
Son bicos de cor.
Son bicos de balas.
Balas de candor.






Aquí podes ver as fichas dos xogos que desenvolveremos: