viernes, 29 de noviembre de 2013

O outono na escola

O OUTONO NA PONTE DE PORTO


Manuel Pose Carracedo, o pai de Nuria, alumna de 6º, visitounos o mércores día 13 de novembro para falarnos do outono e, especialmente, dos cogomelos.

Pan de Raposo é o nome da asociación micolóxica de Cee da que Manuel forma parte. Esta asociación traballa na difusión e investigación de todo aquelo que teña relación cos cogomelos. Charlas, saídas ou xornadas de traballo son algunhas das actividades que desenvolven.

Manuel contounos cousas tan interesantes como que os cogomelos manteñen o equilibrio no ecosistema, que viven en simbiose con diferentes árbores ou que existen criadeiros de champiñóns, aínda que o 95% das diferentes especies non posibilitan o seu cultivo.

Explicounos a clasificación que empregan para distinguilos; comestibles, non comestibles ou tóxicos.

As nenas e nenos amosáronse moi interesadas e fixéronlle moitas preguntas. Algunhas delas relacionadas, por exemplo, con como podemos saber que cogomelos son comestibles e cales non. A resposta de Manuel foi que para coñecelos ben, a observación e o estudo son fundamentais.

Acompañou a explicación coa mostra de máis de 20 especies diferentes recollidas nos montes de Camelle e Xaviña na mesma mañá, antes de vir á escola. Seta coliflor, peido de lobo, corno de cervo ou fígado de boi, son algúns dos nomes comúns destes cogomelos.





Manuel recordounos que na nosa comarca temos moitísimas especies de cogomelos que precisan da protección e o coidado dos nosos montes para a súa supervivencia.

Aquí podes ver as fotos do día!




CHEGOU O MAGOSTO!

Na escola celebramos o magosto. Recollemos lendas, contos, tradicións, refrans ou cantigas das mans das  familias que nos axudaron a entender o porque desta festa e ampliamos a nosa biblioteca co libro do outono.




Coma noutros anos, os xogos populares foron os protagonistas na primeira parte da tarde: tiro de corda, o pano, o peón, ou a a comba fixeron que todas e todos gozáramos cos xogos de sempre.

As nenas e nenos de 5º foron responsables da organización das actividades onde podemos coñecer refráns que nos dan algunha pista…


Jesús, o pai de Carlota, contoulle que as castañas no Nadal, saben ben e pártense mal. Margarita, a avoa de Fátima, fíxonos pensar: alto estou, barbas teño, se boto unha risa, perdo o que teño:quen son?  Ou o consello do pai de Pablo Nión: as castañas que depois do San Martiño, quedan no souto, do moucho son.






Deixámosvos algunha das fotos do día.


EN EDUCACIÓN FÍSICA, XOGAMOS Á BILLARDA.

Da man e Alejandoro, tío de Elena de 5º, aprendemos a xogar á billarda ou estornela. A billarda que el nos trouxo para xogar é unha das que se atopan no museo etnográfico da Ponte do Porto que, segundo nos contou, foi unha iniciativa creada a partires da organización dun grupo de veciñas e veciños ante a necesidade que ollaron de recuperar a tradición do noso concello.

Falounos tamén doutros xogos como o churro, o tirable, o fútbol empregando a vexiga do porco e outros moitos. Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi que o espazo de xogo era a estrada. Por que? Porque non había tantos coches como agora transitando polas nosas estradas e as nenas e nenos tiñan un espazo libre onde xogar. Simplemente cando, moi de cando en vez, pasaba un coche, un neno ou nena berraba: "COCHEEEEE!!!". Todas e todos se apartaban, pasaba o coche e a rapazada recuperaba o espazo de xogo.

Aquí algunhas imaxes que amosan como as nenas e nenos de 3º ciclo practicaron o xogo da billarda.